Galiza


Información web:

Blog: marchasdadignidade.blogspot.com

Facebook: facebook.com/MarchasDignidade

Twitter: twitter.com/GalizaMarcha22M

Enlace al llamamiento 21M en galego

Boicot a tren galego da Fomento

 

Ruta 8 Galiza de Chamartin a Colón

columna-2

Manifiesto

“NON AO PAGO DA DÉBEDA

NIN UN RECORTE MÁIS

FÓRA OS GOBERNOS DA TROIKA

PAN, TRABALLO E TEITO PARA TODOS E TODAS

No 2014 atopámonos ante unha situación extremadamente difícil, unha situación límite, de emerxencia social, que nos convoca a dar unha resposta colectiva e masiva da clase traballadora á cidadanía e aos pobos.

 Millóns de traballadores e traballadoras atópanse sen emprego. Ter unhas mans para traballar, ter unha carreira rematada, dispor da túa capacidade tanto manual como intelectual e non atopar un traballo digno é humillante. Estase a desperdiciar o talento colectivo dunha sociedade, hipotecando indefinidamente o seu futuro. Os traballadores e traballadoras non se merecen este atropelo á nosa dignidade colectiva.

 Centos de miles de familias perderon a súa casa. Non hai nada máis inhumano que desaloxar unha familia do seu fogar só para alimentar a voracidade insaciábel duns banqueiros sen escrúpulos. Banqueiros aos que os estados servos da Troika (Fondo Monetario Internacional, Banco Central Europeo e Comisión Europea) alimentan a custa de empobrecer aínda máis a clase traballadora e as persoas máis indefensas.

 Mentres, a patronal, aproveitando o drama do paro masivo, aperta as caravillas coa rebaixa dos salarios e das condicións de traballo ás persoas que aínda teñen un emprego. Traballadores e traballadoras que, ante a difícil situación, non poden nin sequera cuestionar o seu papel de meros explotados/as polo capital. O sistema intenta obrigarnos a amosarlles agradecemento aos empresarios, convertidos polo sistema en benefactores da sociedade. É hora de repartir o traballo e a riqueza, e que as persoas traballadoras poidan sentirse donas do seu futuro.

 A nosa mocidade non ten posibilidade de forxar un proxecto de vida digno coas actuais políticas e  vese abocada a buscar a vida no estranxeiro como antes fixeron os nosos pais e avós.

 Dicimos non a un sistema patriarcal que nos arrastra a épocas do pasado, roubándonos o dereito a decidir sobre os nosos corpos, negándonos a capacidade para decidir sobre se queremos ou non ser nais, provocando a volta aos fogares para dedicarnos á crianza.

 Estamos sufrindo as políticas executadas polo goberno do PP ao ditado da Troika, consistentes no roubo de dereitos e o empobrecemento xeralizado da maioría social. Estas políticas, que se fundamentan no pago dunha débeda ilexítima que non contraeron os cidadáns e cidadás, son produto da especulación bancaria e os excesos dos distintos gobernos.

 Privatizan o rendíbel mentres nos recortan o orzamento en saúde, ensino, dependencia, transportes públicos, auga, enerxía, comunicacións, servizos sociais, etc., o que redunda negativamente nos nosos dereitos cidadáns. Rinse dos nosos maiores, que sofren unha enorme perda do seu poder adquisitivo, ao tempo que ven como os seus aforros de toda a vida están secuestrados pola estafa bancaria das preferentes e outros produtos financeiros delituosos.

 O goberno do PSOE, co apoio do PP, modificou o artigo 135 da Constitución para lle dar prioridade ao pago da débeda frente aos dereitos e necesidades das persoas. Xustificárono dicindo que viviramos por riba das nosas posibilidades e que había que ser austeros e, xa que logo, era imperativo recortar o déficit. No entanto, non houbo ningún recorte á hora de inxectar decenas de miles de millóns de euros para salvar os bancos e os especuladores. 

 Están aproveitando a crise para recortar dereitos. Estas políticas de recortes están a causar sufrimento, pobreza, fame e incluso mortes, e todo para que a banca e os poderes económicos sigan tendo grandes beneficios a expensas das nosas vidas.

 Porque nos roubaron a liberdade.  Ao capitalismo sóbranlle as liberdades e os dereitos da maioría social. É un sistema que procura exclusivamente o beneficio privado duns poucos e que nos leva inexorabelmente a unha catástrofe medioambiental e social de alcance incalculábel.

 Para a maioría social esta crise-estafa está a significar un xigantesco drama humano. Porén, para unha insignificante minoría supón un gran negocio. E cando se protesta, sempre obtemos a mesma resposta: a represión e criminalización do sindicalismo de clase e dos movementos sociais. É un sistema que precisa a represión para se manter e que debe ser superado coa loita na rúa.

 A descomposición do réxime xurdido da Constitución do 78 faise evidente debido aos mesmos elementos presentes no seu nacemento, rexime que tivo lugar en contra do pobo, está corroído pola corrupción e non ten ningunha lexitimidade. Os dereitos e liberdades fóronnos roubados para favorecer os intereses dunha minoría e asegurar os seus beneficios, os mesmos que nos levaron a este estado de excepción social, a base de desmantelar a educación e a sanidade públicas, de reducir drasticamente as pensións dos nosos maiores, de se apoderar das nosas vivendas e de pechar empresas, e despedir milleiros de traballadoras e traballadores.

 Os distintos Gobernos sitúanse fóra da legalidade, converten en negocio os dereitos que tanto custou conquistar e sustentan a corrupción, un feito xeralizado mais non independente do sistema económico, que forma parte da estrutura mesma desta sociedade e é indispensábel para o seu desenvolvemento. Tanto os corruptores como os que se deixan corromper forman parte deste sistema inxusto de produción e distribución da riqueza.

 Chamamos os pobos a que exerzan a súa soberanía, alzando a súa voz de abaixo arriba, democraticamente, para construír un proceso constituínte que garanta realmente as liberdades democráticas, o dereito a decidir e os dereitos fundamentais das persoas.

 Dende a MARCHA DA DIGNIDADE 22M, consideramos que é importante artellar unha mobilización unitaria, masiva e contundente contra as políticas que atentan contra os dereitos humanos e a xustiza social. 

 Unha mobilización contra o pago da débeda, polo emprego digno, pola renda básica, polos dereitos sociais, polas liberdades democráticas, contra os recortes, a represión e a corrupción, por unha sociedade de homes e mulleres libres, unha mobilización contra un sistema, un réxime e uns gobernos que nos agreden e non nos representan.

 Esiximos, xa que logo, que se vaian. Que se vaia o Goberno do PP e, tamén, todos os gobernos que recortan dereitos sociais básicos, todos os gobernos que colaboran coas políticas da Troika.

 Por iso, facemos un chamamento a encher de dignidade e rebeldía a capital do Estado español, Madrid, o 22 de marzo. Ese día chegaremos columnas de todas as latitudes da Península a Madrid e convocamos os madrileños e madrileñas a sairen á rúa e incorporarse a esa gran mobilización da maioría social.

PAN, TRABALLO E TEITO

Á RÚA, QUE XA É HORA”

Share Button